top of page

A Pastoriza é un municipio da provincia de Lugo en Galicia que pertence a comarca da Terra Chá de Castro Rey. A súa poboación en 2015 era de 3.274 habitantes, una densidade de 18,91 hab./km² e una superficie de 175,1 km².

Situación
Situación

O término municipio de A Pastoriza atópase situado no extremo nororiental da Comarca da Terra Chá, constituíndo así, unha extensa plataforma lisa, salpicada de leves ondulacions e, formada sobre unha base  granítica recuberto na sua maior parte por mantos do Cuaternario.

Polo que se refire á altitude, esta ascende cara ao Norte - no Cordal de Neda e no comezo da Serra de Lourenzá-, e tamén cara ao Leste, onde se atopan as últimas estribacions da Serra de Meira e da de Pousadoiro, con cotas máximas que roldan os 700 e 800 metros. Esta orla montañosa establece a divisoria de augas entre os ríos que desembocan no Cantábrico e a conca do Miño, descendendo dela numerosos cursos fluviaies secundarios que surcan o municipio de Norte a Sur, buscando o máis importante dos ríos galegos.

Superficie: 175'1 Km2.
Montes: Monte Redondo (596 m.); Alto de Carricei (558 m.); Fonmiñá (543 m.); Monte Pereiro (658 m.); Gueimonde (612 m.); A Granda (501 m.); Montes de Neda (798 m.); Forneiros (787 m.); Alto da Igrexa 787 m.); Pedras Brancas (779 m.); Pedras Pardas (712 m.); Porto Marful (730 m.).
Ríos: Miño, Batán, Xemil, Bucerrei, Lagoa, Úbeda, Madalena y Río Pequeno, Vián, Miñotelo.
Regatos: A Casería, San Cudrea, Portocelo, Meira Longo, A Fraga, O Porto, Teijos, Cabadas.

Historia
Historia

Os achados de épocas prehistóricas e a existencia de numerosos castros constitúen as primeiras mostras materiais de poboamento na zona, sendo o concello de A Pastoriza extraordinariamente abundante en xacementos arqueolóxicos, sobre todo da época prehistórica e castrexa. De igual xeito, diversas mostras na toponimia testemuñan a presenza de pobos prehistóricos nestas terras.


O concello conta con gran cantidade de necrópoles con túmulos megalíticos (mámoas ou medorras, antas, dolmens), como é o caso do dolmen de Mazoi en Pousada (anos 4.000 - 2.500 a.C. aprox.), mentres que na parroquia de Lagoa apareceron nada menos ca 120 machados prehistóricos da Idade do Bronce (2.000 - 1.000 a.C.). Tamén hai documentados máis de 20 poboados castrexos e galaico-romanos en todo o concello, testemuña dun importante período histórico de asentamento nesta zona que abrangue dende o séc. VIII a.C. ao V d.C., destacando os castros de Fomiñá, Piñeiro ou Sa, este último un dos máis grandes e senlleiros de toda a comarca. Da etapa romana é a estela do Castro das Croas (Reigosa), monumento funerario datado entre os séc. I - III d.C. atopado neste castro xunto con outros vestixios galaico-romanos.


Unha das épocas máis relevantes deste concello circunscríbese á actual parroquia de Bretoña e retrotráenos ao século V. Son varios os historiadores que sitúan aquí o que foi o Mosteiro Máximo da Diocese Bretona de Galicia, sendo a primeira diocese cristiana de España da que existen referencias documentais, e que estaría situada no lugar que actualmente ocupa a igrexa de Santa María de Bretoña. O Parochiale Suevum (século VI) é o documento mais antigo que fala desta primitiva e misteriosa diocese, dándonos noticias tamén de diferentes bispos de Britonia coma Mailoc (ou Maheloc), Metopio, Sona ou Bela, entre outros.


Ao longo dos séculos V e VI os antigos habitantes das Illas Británicas tiveron que abandonar a súa patria ante o avance dos anglosaxóns invasores. Unha boa parte dos fuxitivos refuxiáronse na Armórica galo-romana (hoxe Bretaña francesa) mentres que outros grupos alcanzaron o Noroeste peninsular. Un grupo penetrou pola ría de Foz e o val do Masma, asentándose finalmente nunha ampla chaira situada tralos montes dos actuais concellos de Mondoñedo e A Pastoriza, unha zona que a partires de entón -e en honor aos seus novos ocupantes- foi coñecida como Britonia, a actual Bretoña no concello de A Pastoriza. As invasións musulmás primeiro, e as viquingas despois, ocasionaron finalmente a destrución deste centro e a fuxida da poboación sobrevivinte cara ao norte: San Martiño de Mondoñedo (Foz) e Oviedo, lugares onde o rei Afonso II establece a partires de entón sendas sedes episcopais no s. IX.


Durante a Baixa Idade Media e o Antigo Réxime, as parroquias que conforman o actual termo da Pastoriza estiveron baixo o señorío do cabido de Mondoñedo, dos mosteiros de Meira e Lourenzá e mais do conde de Lemos. A partires de entón, a súa historia componse de pequenas e imprecisas pinceladas, insuficientes para establecer unha historia lineal e sen lagoas, a excepción de, quizais, algunha contribución (tamén sen precisar suficientemente) na loita contra os franceses da Guerra da Independencia (1808-1814). Desta etapa hai que resaltar a cruenta batalla que protagonizaron os pastoricenses contra as tropas de Napoleón na Serra de Carracedo.


Coa abolición do réxime señorial e a conseguinte división administrativa por concellos creouse o municipio de Vián en 1812, inserido no partido xudicial de Mondoñedo e, dez anos máis tarde coa división de Galicia en provincias, incorporouse á de Lugo; este concello de Vián quedaría abolido trala derrogación da constitución por parte de Fernando VII. En 1835, superado o novo período absolutista e reconstituído o municipalismo, conformouse o concello de Bretoña e as parroquias restantes repartíronse entre os distintos municipios limítrofes. Finalmente foi en 1840 cando se configurou o actual termo de A Pastoriza, que integrou ao anterior de Bretoña.

bottom of page